sábado, 21 de maio de 2011

Cantos Rabirrubios haberá na vila ?

O Rabirrubio común, Phoenicurus ochruros, é unha especie antropófila, moi común dentro das poboacións humanas, seguro que debido a habitar de forma natural ambientes rupícolas. A pesar desta veciñanza coa especie humana semella que non é un paxaro moi coñecido, de facto aínda non se recolleu ningún nome vernáculo na comarca que o designe, a única referenza galega que teño, aparte da oficial, foi a que lle recollín a un veciño do concello de Manzaneda que lle daba o nome de Ferreiro.



O caso é que o outro día fixen uns traxectos a primeira hora da mañá por unhas rúas da vila de Verín e contabilicei nada menos que sete machos de Rabirrubio cantando dende os edificios, de fácil detección ao ser unha das primeiras especies que cantan á mañá cedo, comenzando a ouvirse incluso de noite aló polas cinco ou seis da madrugada.

Ao comprobar a elevada densidade desta especie, e a relativa facilidade de detectala mediante audicións, ocurréuseme realizar outros dous percorridos de similar distancia e hábitat por zonas repartidas de maneira simétrica para tratar de sacar unha estima dos individuos ou parellas que podería haber na vila.

Cos resultados obtidos marquei nun mapa os puntos aproximados das escoitas, que deron unha densidade similar entre eles, e rechei entón os ocos baleiros de forma semellante a como estaban distribuídos no espazo.

Ao contabilizar todos os puntos, reais e estimados, saíume un número de 115, que, de seren certos, corresponderíanse co número aproximado de machos cantores de Rabirrubio común dentro da vila, e pensando que cada macho defendese un territorio habería entón cento quince territorios de cría.

Para saber o número total de individuos faltaríanos multiplicar o número de parellas reprodutoras pola cantidade de xuvenís que saísen adiante nese primeiro estadío, podendo poñerlle unha media baixa de só dous polos por parella.

Resumindo, que 115 machos, máis 115 femias, máis 230 xuvenís, danos un total de 460 Rabirrubios aproximados dentro da vila a final da temporada de cría. Será certo ?


Ver mapa más grande

Ningún comentario: